Friday 17 de May de 2024

O Concello amplía este verán os percorridos guiados polo Castro de Elviña, habilitando novas quendas os sábados e domingos ata finais de setembro


Xa é posible inscribirse nas visitas programadas esta fin de semana do 3 e 4 de xuño. A solicitude de praza pode pedirse por vía telefónica, chamando ao 981 189 850 do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón

A partir desta fin de semana e ata finais do mes de setembro, será posible visitar o Castro de Elviña todos os sábados e domingos ás 12.00 horas. O Concello amplía, desta forma, os horarios dispoñibles para participar nos percorridos guiados polo xacemento arqueolóxico, unha actividade promovida a través dos Museos Históricos da Coruña.

Para asistir ás visitas ao castro é necesario facer reserva previa. Os percorridos son en grupos e disporanse un total de 25 prazas por quenda. A inscrición pode levarse a cabo por vía teléfonica, chamando ao número 981 189 850 do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

Por outra banda, onte rematou a intervención arqueolóxica que levou a cabo o alumnado que está a cursar o Máster de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, un posgrao de carácter interuniversitaria na que colaboran a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, co obxectivo de dar formación práctica para o estudantado sobre o terreo. Neste caso, no xacemento do Castro de Elviña.

Hai setenta e seis anos que comezaron as primeiras escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña. Co paso do tempo, os traballos foron desvelando, pouco a pouco, a historia dun dos xacementos arqueolóxicos de maior interese para comprender as sociedades da Idade do Ferro e o proceso de romanización no territorio galego.

Os percorridos guiados polo castro forman parte da programación de actividades promovidas polo Goberno de Inés Rey para contribuír á difusión do patrimonio arqueolóxico do recinto, así como ao seu mantemento na memoria colectiva da cidadanía.